Premios Magnum do Viño Galego 2011

Premiados Premios Magnum 2011

 

MAGNUM Á MELLOR LABOURA DE DIVULGACIÓN DO VIÑO GALEGO

Obra Social NovaCaixaGalicia

Por ser a única institución galega que mantivo nos últimos anos unha formación de calidade constante adaptada a un gran espectro de público, dando a coñecer o mundo do viño a un elevado número de persoas.

Entregou o Magnum: Carme Pardo, Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia.

 

MAGNUM Ó MELLOR TRATAMENTO DE VIÑOS EN SALA/BAR DE VIÑOS

Bagos

Fernando Filgueira e Adrián Guerra representan a humildade e o compromiso, souberon facer do seu pequeno local un lugar de culto para os amantes do viño onde un pode descubrir viños incribles deixándose levar.

Entregou o Magnum: Pepe Solla, gañador deste premio na pasada edición.

 

MAGNUM Ó MELLOR VIÑO GALEGO DO ANO

Algueira Pizarra 07 de Adega Algueira

Fernando soubo darlle unha volta máis ós seus viños e recuperar con grande acerto métodos de elaboración tradicionais con resultados incribles.

Entregou o Magnum: Miguelanxo Besada, director de María Fechoría Bos Viños.

 

MAGNUM Á MELLOR ADEGA GALEGA DO ANO (Colección de viños)

Luis Anxo Rodríguez

Pola recoñecida traxectoria dos seus viños, que falan ben de Galicia en calquera parte do mundo, situando a esta como sinónimo de calidade, profesionalidade e minifundio. Creador de viños cheos de personalidade e autenticidade.

Entregou o Magnum: Jose Luís Mateo, da Quinta da Muradella, gañador deste premio na pasada edición.

 

MAGNUM HONORÍFICO VINOLVIDABLE

Outorgado a don Horacio Fernández Presa

Este é o recoñecemento a un auténtico visionario! María Fechoría tivo a sorte de entrevistalo hai anos para un documental e impactounos a súa bonhomía, calidade persoal e dedicación ó traballo. Hoxe atópase un pouco delicado de saúde e queremos dende aquí enviarlle toda a nosa enerxía para que se recupere canto antes.

Enxeñeiro agrónomo, leonés de nacemento e valdeorrés de adopción, don Horacio creou en 1974 o programa Revival, Reestructuración dos Viñedos de Valdeorras, que o  converteu no responsable da recuperación do godello, variedade por aquel entón case desaparecida, en substitución de outras foráneas que ofrecían maior rendemento. Dende 1988 imparte a súa mestría na adega Godeval.

Percorrendo a súa biografía atopamos una frase de Horacio na que di:

“un viño non é, está, en todo momento, influíndo o como, onde, con que e con quen o tomes. Nese momento é só noso, ninguén ten a oportunidade de roubárnolo”

Entregou o Magnum: Alfredo Álvarez – Fundador e Presidente de Honra da Asociación Galega de Sumilleres.

Publicado en Noticias.